O percorrido do voto

O percorrido do voto

Sabes que ocorrerá co teu voto o día das eleccións?

O percorrido do voto

O día das eleccións, os electores e electoras poden votar de forma presencial na mesa que lles corresponda, entre as 9 da mañá e as 8 da tarde.

Ás 8 da tarde o presidente ou presidenta da mesa electoral anuncia en voz alta que vai terminar a votación e, a continuación:

Permitirá votar aos electores e electoras que estean dentro do local electoral ou no acceso ao mesmo.

Introducirá na urna os sobres de votación remitidos por correo.

Votará el mesmo, os vogais e os interventores acreditados ante esa mesa e non permitirá que vote ninguén máis.

O escrutinio dos votos

Termina a votación e comeza o escrutinio dos votos, comezando polas eleccións ao Congreso dos Deputados.

O presidente ou presidenta abre a urna e vai sacando os sobres de un en un.

Le en voz alta a candidatura votada. Mostra a papeleta a vogais, apoderados e interventores.

Recóntase o número de votos obtidos por cada candidatura e o presidente anuncia:
  • Número de electores/as censados.
  • Número de votantes.
  • Número de votos nulos.
  • Número de votos en branco.
  • Número de votos por candidatura.
Resólvense posibles protestas e reclamacións.

Destrúense todas as papeletas de votación, excepto as consideradas como votos nulos e as que foron obxecto dalgunha reclamación.

Estas papeletas asinaranse e incluiranse na documentación electoral que a mesa debe entregar no xulgado de primeira instancia ou de paz.

Esténdese o acta de escrutinio e con ela faise o seguinte:

O orixinal colócase na entrada do local electoral.

Entrégase unha copia a:
  • Representante da administración.
  • Representantes das candidaturas.
  • Apoderados/as.
  • Interventores/as.
De igual xeito procédese co escrutinio das eleccións ao Senado, aínda que en lugar de candidaturas o presidente ou presidenta dá lectura ao nome dos candidatos que figuran marcados cunha cruz.

Esténdese a acta da sesión e repártense as copias aos representantes das candidaturas, apoderados/as e interventores/as que o solicitaren.

O destino final da documentación

A documentación electoral distribúese en 3 sobres:
Sobre 1:
  • Orixinal da acta de constitución da mesa.
  • Orixinal da acta da sesión e documentación a que faga referencia: listas do censo electoral, lista numerada de votantes, papeletas nulas e obxecto de protesta...
Sobres 2 e 3:
  • Copia da acta de constitución da mesa.
  • Copia das actas da sesión.
Os sobres 1 e 2 serán entregados persoalmente polo presidente ou presidenta e os/as vogais e interventores/as que o desexaren na sede do xulgado de primeira instancia ou de paz, en cuxa demarcación estea situada a mesa.

A forza pública acompañará, e se fose necesario facilitará, o desprazamento destas persoas.
Nas dez horas seguintes á recepción da última documentación, o xuíz ou a xuíza desprazarase persoalmente á sede da xunta electoral de zona, onde fará entrega, baixo recibo detallado do sobre 1.
O sobre 2 quedará arquivado no xulgado de primeira instancia ou de paz correspondente. Poderá ser reclamado polas xuntas electorais nas operacións de escrutinio xeral e polos tribunais competentes nos procesos contencioso-electorais.

O sobre 3 será entregado por un ou unha vogal da mesa electoral ao representante de Correos que acudirá á mesa para recollelo.

Unha vez entregado este sobre finalizan as funcións do vogal que permanecera no local electoral para estes efectos.