Apoderados e interventores

Apoderados e apoderadas, interventores e interventoras

As persoas representantes de cada candidatura poden outorgar poder a favor de calquera cidadán ou cidadá, maior de idade e que estea en pleno uso dos seus dereitos civís e políticos, ao obxecto de que exerza a representación da candidatura nos actos e operacións electorais. Trátase do apoderado ou apoderada.

Apoderados e apoderadas poden acceder libremente a todos os locais electorais, examinar o desenvolvemento da votación e do escrutinio en calquera Mesa, formular reclamacións e protestas e pedir certificacións.

Os apoderados ou apoderadas, se non hai interventores da súa candidatura, poden actuar como tales ante a Mesa, participando nas súas deliberacións con voz e sen voto.

Os apoderados ou apoderadas deben identificarse como tales exhibindo as súas credenciais e o seu Documento Nacional de Identidade aos membros da Mesa.

Os apoderados ou apoderadas non votan na Mesa se non figuran no censo da mesma.

Cada candidatura pode nomear, a través do seu representante, ata tres días antes da elección, dous interventores e interventoras por cada Mesa electoral, mediante a expedición de credenciais talonarias,  coa data e firma ao pé do nomeamento.

Estes interventores e interventoras poden asistir á Mesa e participar nas súas deliberacións con voz pero sen voto. Para estes efectos, os interventores e interventoras de cada candidatura acreditados ante a Mesa poden substituírse entre si.

Desempeñan a súa función só na Mesa ante a que están acreditados.

Poden formular reclamacións e protestas e pedir certificacións.

Votan na Mesa ante a que están acreditados, aínda que non estean incluídos no censo electoral da mesma, a condición de que figuren inscritos no censo da circunscrición correspondente a esa Mesa. En caso contrario, só poderán votar por correo na Mesa en cuxo censo figuren inscritos.

  "O voto  dos interventores deberá facerse na Mesa na que estean acreditados cando a devandita Mesa forme parte da circunscrición electoral na que lle corresponda votar en todos os procesos electorais convocados, debendo en cambio facelo por correspondencia en todos eles se nalgún destes procesos non se dá esa circunstancia"

(Instrución 1/2019 da Xunta Electoral Central, do 23 de xaneiro)