Voto e Accesiblidade

Voto e Accesiblidade

Toda persoa poderá exercer o seu dereito de sufraxio activo, consciente, libre e voluntariamente, calquera que sexa a súa forma de comunicalo e cos medios de apoio que requira (artigo 3.2. da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral)

A Administración debe celar polo respecto ao dereito á igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade no acceso aos locais e ás Mesas electorais, e pola súa non discriminación (artigo 2 do Regulamento sobre as condicións básicas para a participación das persoas con discapacidade na vida política e nos procesos electorais).

A accesibilidade dos procesos electorais ten dúas vertentes: accesibilidade para as persoas que acoden ao local electoral a votar e accesibilidade para as persoas designadas para formaren parte das Mesas electorais.

Instruccion JEC 7/2019

A solicitude de voto por correo, no caso de que un elector ou unha electora non poida presentar a devandita solicitude de maneira persoal na Oficina de Correos por mor dunha doenza ou discapacidade (que se deberá acreditar por medio de certificación médica oficial e gratuíta) pódea efectuar no seu nome outra persoa autorizada, de forma notarial ou consularmente, mediante documento que se facilitará individualmente en relación con cada elector ou electora e sen que no mesmo se poidan incluír varios electores ou electoras, nin que unha mesa persoa represente máis dun elector ou electora.

A Xunta Electoral competente comprobará en cada caso a concorrencia de todas estas circunstancias.

O procedemento é como segue:

As persoas interesadas débense pór en contacto cun Notario que actuará, de xeito gratuíto (Consello Xeral do Notariado) e entregaranlle o certificado médico oficial e gratuíto ao que se refire o artigo 72.c) da LOREG.

O Notario achegarase ao domicilio do elector ou da electora, ben sexa un hospital, unha residencia de maiores ou o fogar dun ou dunha familiar. Posteriormente, seguirase o mesmo procedemento que para o voto por correo ordinario.

Isto é: A persoa que o/a representa poderá ir (dentro do prazo para a solicitude do voto por correo: do 5 de marzo ata o 18 de abril) persoalmente, co seu D.N.I. e o poder notarial, a calquera Oficina de Correos e solicitará o impreso para votar por correo.

Os servizos de Correos remitirán toda a documentación á Oficina do Censo Electoral, que anota nas Listas do Censo que se solicitou votar por correo -de xeito que XA NON PODERÁ VOTAR PERSOALMENTE- e envía a seguinte documentación á persoa apoderada por correo certificado, ao enderezo que se lle indicara ou, no seu defecto, ao que figure no Censo:

  • Papeletas e sobres de votación;
  • o certificado de inscrición no censo electoral;
  • un sobre no que figurará o enderezo da Mesa onde lle correspondería votar;
  • unha folla explicativa.

Esta documentación tamén a debe recoller de forma presencial a persoa que o/a representa, previa acreditación da súa identidade. Se non estivese no seu domicilio, terá que ir persoalmente a recollela á Oficina de Correos correspondente.

As persoas cegas ou cunha discapacidade visual grave que estean inscritas no Censo Electoral que saiban utilizar o idioma braille e teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento ou estean afiliadas á Organización Nacional de Cegos Españois poden solicitar o maletín/kit de votación accesible que se lles entregará na Mesa electoral o día da xornada electoral para as Eleccións ás Cortes Xerais 2019 e para as Eleccións ás Cortes Valencianas: o domingo 28 de abril.

O procedemento de votación accesible consiste na entrega, na Mesa electoral o día das eleccións, ás persoas cegas ou cunha discapacidade visual que o solicitaran dentro do prazo, dun maletín/kit de votación accesible que contén: papeletas e sobres de votación normalizados (é dicir, sobres e papeletas idénticos aos que empregan o resto de electores e electoras) e unha documentación complementaria en braille (guía explicativa en braille, adhesivos en braille e tinta que identifican contidos…) que permite á persoa cega ou con discapacidade visual usuaria de braille identificar a opción de voto desexada con plena autonomía e coa garantía do segredo do sufraxio.

IMPORTANTE: Ao se tratar dunha votación presencial na Mesa electoral, o procedemento de votación accesible é incompatible co procedemento de voto por correo. A normativa electoral determina que ao solicitar o voto por correo xa non se pode exercer o voto de xeito presencial na Mesa electoral.

As persoas con discapacidade visual que queiran utilizar o procedemento de votación accesible nas Eleccións a Cortes Xerais e nas Eleccións ás Cortes Valencianas deben chamar ao teléfono gratuíto do Ministerio do Interior 900 150 000, no que se recibirán as chamadas de solicitude do procedemento de votación accesible dende o día 5 de marzo ata o día 1 de abril, L-V de 09:00 a 17:30 e sábados de 09:00 a 14:00.

As persoas que soliciten o procedemento de votación accesible deberán achegar os seguintes datos, dentro do prazo establecido e a través do teléfono gratuíto do Ministerio do Interior 900 150 000:

  • Nome e apelidos
  • Data de nacemento
  • Número do Documento Nacional de Identidade (DNI)
  • Enderezo
  • Teléfono de contacto

Ademais, deberán manifestar que cumpren cos seguintes requisitos:

  • Que saben ler en braille.
  • Que teñen recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento ou que son afiliados á Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE).

A Administración poderá requirir en calquera momento a verificación destes datos.

No teléfono gratuíto 900 150 000, ademais de poder solicitar o maletín/kit de votación accesible (do 5 de marzo ata o 1 de abril), poderán facer consultas (do 5 de marzo ata o 27 de abril, ambos incluídos), sobre cuestións relacionadas con:
  • O procedemento de votación accesible regulamentado no Real Decreto 1612/2007, de 7 de decembro.
  • A documentación necesaria.
  • As candidaturas proclamadas: das Eleccións ao Congreso e das Eleccións ao Senado e das Eleccións ás Cortes Valencianas
O servizo de atención telefónica non estará dispoñible os días 19 e 20 de abril.

Para as eleccións ao Congreso e ao Senado

  1. Material de votación estándar ou normalizado.
    • Un sobre de votación estándar para as Eleccións ao Congreso dos Deputados.
    • Un sobre de votación estándar para as Eleccións ao Senado.
    • Unha papeleta electoral estándar correspondente a cada unha das candidaturas proclamadas para as Eleccións ao Congreso dos Deputados.
    • Unha papeleta electoral estándar para as Eleccións ao Senado.
  2. Documentación complementaria en braille.
    • Unha guía explicativa en tinta e en braille que indica como utilizar a documentación contida no kit/maletín.
    • Un modelo troquelado, que conterá a papeleta electoral estándar correspondente ás Eleccións ao Senado.
    • Unha lista en braille cos nomes dos candidatos e das candidatas ao Senado.
    • Un sobre grande que incluirá un sobre pequeno (tamaño cuartilla) por cada candidatura que concorra ás Eleccións ao Congreso dos Deputados. Cada un deses sobres pequenos terá pegada unha etiqueta na que constará, en tinta e en braille, a denominación daquela candidatura cuxa papeleta electoral (estándar, non en braille) esta dentro do sobre.

O sobre grande irá identificado cunha etiqueta que terá o seguinte texto impreso en tinta e rotulado en braille: “Eleccións ao Congreso dos Deputados”

Cada un dos sobres de tamaño cuartilla antes citados conterá a papeleta normalizada de votación correspondente a unha candidatura proclamada. A fin de que o elector ou a electora poida coñecer o contido de cada sobre, pegarase en cada un deles unha etiqueta que, en braille e tamén en tinta, especificará o nome e as siglas da candidatura cuxa papeleta estea dentro do sobre.

IMPORTANTE: Onde se celebren tamén Eleccións ás Cortes Valencianas existirán dous maletíns/kits de votación. Un para as eleccións a Cortes Xerais e outro para as Eleccións ás Corts Valencianes,

Para as Eleccións ás Corts Valencianes:

  • Unha guía explicativa en braille que indica como utilizar a documentación contida no kit/maletín.
  • Un sobre de votación normalizado para as Eleccións ás Cortes Valencianas (sen rotular en braille)
  • Un sobre grande, que incluirá: un sobre pequeno por cada candidatura que concorra ás Eleccións ás Cortes Valencianas. Cada un deses sobres pequenos terá pegada unha etiqueta na que constará, en tinta e en braille, a denominación daquela candidatura cuxa papeleta electoral (estándar, non en braille) estará dentro do sobre.

Os textos en braille incluídos no maletín/kit de voto accesible son supervisados pola Comisión Braille Española, que emitirá os correspondentes certificados, e a Administración Electoral (Xuntas Electorais e Mesas electorais) supervisan o correcto funcionamento do procedemento de voto accesible.