A presentación de candidaturas nas eleccións xerais 2019

A presentación de candidaturas nas eleccións xerais 2019

A Xunta Electoral competente para todas as operacións en relación coa presentación e proclamación de candidatos nas eleccións Xerais é a Xunta Electoral Provincial (artigo 169 Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral).

O Secretario da Xunta Electoral outorgará un número correlativo por orde de presentación a cada candidatura presentada e esta orde gardarase en todas as publicacións (artigo 46.9 da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral).
Poden presentar candidatos ou listas de candidatos (artigos 44 e 169.3 da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral):
  • Os partidos e federacións inscritos no Rexistro de Partidos Políticos do Ministerio do Interior.
  • As coalicións constituídas que así o comunicaron á Xunta Electoral correspondente, nos 10 días seguintes á convocatoria (do 6 ao 15 de marzo) facendo constar a denominación da coalición, as normas polas que se rexe e as persoas titulares dos seus órganos de dirección ou coordinación.
  • As agrupacións de electores. Estas reunirán as firmas de, polo menos, o 1% dos inscritos no censo electoral da circunscrición na que se presente.
Os partidos, federacións ou coalicións que non obtivesen representación en ningunha das Cámaras na anterior convocatoria de eleccións necesitarán a firma, polo menos, do 0,1% dos electores inscritos no censo electoral da circunscrición pola que pretendan a súa elección.

Ningún elector poderá prestar a súa firma a máis dunha candidatura.
Son elixibles os españois maiores de idade que posúan a calidade de elector e non se atopen incursos nalgunha das causas previstas nos artigos 6 e 154 da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral.
O prazo para presentar candidaturas é do 20 ao 25 de marzo. As candidaturas presentadas publícanse no Boletín Oficial do Estado o día 27 de marzo e as candidaturas proclamadas o 2 de abril (artigos 45, 47, 169 a 171 da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral).
Os partidos e federacións que establezan un pacto de coalición para concorrer conxuntamente a unhas eleccións deben comunicalo á Xunta nos dez días seguintes á convocatoria (entre os días 6 a 15 de marzo). Instrución 1/2010, do 9 de setembro, da Xunta Electoral Central, sobre aplicación do artigo 44.2 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral no relativo á constitución de coalicións electorais.

Nesta comunicación débese facer constar a denominación da coalición, as normas polas que se rexe e as persoas titulares dos seus órganos de dirección e coordinación (artigo 44.2 da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral).
As agrupacións de electores son formacións políticas que se constitúen co aval dun número variable de firmas de electores e só e exclusivamente para poder presentar candidatura nun proceso electoral concreto e determinado.

Non teñen, por tanto, vocación de permanencia ou natureza de asociación e non necesitan inscribirse no Rexistro de Partidos Políticos.

Cada agrupación de electores é autónoma e independente de calquera outra. O seu ámbito espacial de actuación é a circunscrición electoral -sen que caiban candidaturas colectivas, nin que abarquen máis dunha circunscrición, nin federacións ou coalicións entre elas- e o seu ámbito temporal de validez é o proceso electoral concreto para o que se constituíu, sen que poida estenderse máis alá.

Para presentar candidaturas ás eleccións Xerais, as agrupacións de electores necesitan, polo menos, as firmas do 1% dos inscritos no censo electoral da circunscrición na que se presenten. Ningún elector poderá prestar a súa firma a máis dunha candidatura. Artigo 169.3 Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral.
Á presentación da candidatura (que se realiza nos formularios que poden descargarse desta web) debe acompañarse a documentación recollida na Instrución da Xunta Electoral Central, do 15 de marzo de 1999.

Presentación de candidaturas ao Senado. Artigo 171 da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral
  1. As candidaturas para o Senado son individuais para os efectos de votación e escrutinio, aínda que poden agruparse en listas para os efectos de presentación e campaña electoral.
  2. Cada candidatura a Senador debe incluír dous candidatos suplentes facendo constar a orde na que deban asumir a suplencia. Os nomes dos candidatos suplentes figurarán na publicación das candidaturas no Boletín Oficial do Estado e en toda a documentación electoral, pero non se incluirán nas papeletas electorais.