Información xeral sobre as Mesas electorais

Información xeral sobre as Mesas electorais

As Mesas electorais forman parte da Administración electoral, xunto coas Xuntas electorais.

Á mesa electoral correspóndelle presidir o acto da votación, controlar o desenvolvemento da votación e realizar o reconto e o escrutinio.

A Mesa electoral está integrada por un Presidente ou Presidenta e dous vogais.

O nomeamento dos integrantes da Mesa electoral é competencia de cada Concello, e son elixidos polo Pleno Municipal mediante sorteo público utilizando calquera procedemento aleatorio ou mecanismo ao azar. Non hai obxección para que o referido sorteo poida realizarse ante a Xunta de Goberno Local, no caso de que o Pleno do Concello teña delegado nela esa competencia, sempre que se leve a cabo nunha sesión pública.

Este sorteo realízase entre a totalidade de persoas censadas na Sección que teñan menos de 70 anos e saiban ler e escribir, aínda que a partir dos sesenta e cinco anos de idade se poderá manifestar a renuncia no prazo de sete días. Quedarán excluídos os que alcancen a maioría de idade no prazo comprendido entre a formación das listas de electores e a votación.

O Presidente ou Presidenta deberá ter o título de Bacharelato ou o de Formación Profesional de segundo grado ou, subsidiariamente, o de Graduado Escolar ou equivalente.

Designaranse dous suplentes por cada persoa que integra a Mesa electoral (dous por cada un dos vogais, e outros dous suplentes para o Presidente ou Presidenta da Mesa).

Para as eleccións do 10 de novembro os sorteos realízanse entre os días 15 e 23 de outubro (Instrución 9/2019 da XEC).

Aos designados polo Pleno Municipal notifícaselles a súa condición de persoa que integra a Mesa durante os tres días seguintes ao sorteo, é dicir, entre o 15 e o 26 de outubro, aínda que se se produce máis tarde, a demora non será causa que invalide a designación.

Xunto coa notificación proporcionaráselles un Manual de instrucións para as persoas que integran as Mesas Electorais.

A designación como persoa para formar parte da Mesa para un proceso electoral non supón a continuidade da designación para o seguinte, aínda que nada impide que, en virtude do sorteo, se poida ser designado en procesos consecutivos.

Visita Persoas que integran a Mesa