Ministerio del Interior

Elecciones 2019

Local Electoral

Exterior do local

Os locais electorais onde teña lugar o acto de votación deberán reunir as condicións necesarias para iso; serán, preferentemente, de titularidade pública, e deberán ser accesibles ás persoas con discapacidade.

Naqueles locais nos que exerzan o seu dereito de sufraxio persoas cegas ou con discapacidade visual que soliciten facer uso do procedemento de voto accesible, deberá existir un espazo concreto, accesible e adecuado que garanta a súa privacidade e que se atope o máis cerca posible da Mesa na que lles corresponda exercer o seu dereito de sufraxio.

Entramos no local

Na imaxe, unha Mesa electoral cun Presidente ou Presidenta, 2 vocais e 2 interventores.

  • O local electoral ha de ter as condicións adecuadas para celebrar a votación.
  • Debe haber mesas e cadeiras suficientes para as persoas que integran a Mesa, luz apropiada, material de escritorio e letreiros de sinalización.
  • Permanecerá aberto de maneira ininterrompida entre as 9:00 e as 20:00 horas.
  • Durante toda a xornada electoral, a Mesa ha de contar coa presenza, polo menos, de dúas das persoas que a integran.

Presidente ou Presidenta e vocais

  • O Presidente ou Presidenta debe ter o título de Bacharelato, FP ou Graduado Escolar.
  • É a máxima autoridade dentro do local electoral.
  • Pode solicitar axuda das Forzas e Corpos de Seguridade.
  • A persoas designada como Presidente ou Presidenta e vocais son elixidas por sorteo público entre a totalidade das persoas censadas na sección correspondente, que sexan menores de 70 anos e que saiban ler e escribir.
  • Os cargos de Presidente ou Presidenta e vocal son obrigatorios, aínda que a partir dos sesenta e cinco anos poderán manifestar a súa renuncia no prazo de sete días desde o seu nomeamento.
  • Teñen dereito a unha redución de 5 horas da súa xornada laboral ao día seguinte ao da elección.
  • Reciben unha dieta de 65 euros.
  • Están protexidas pola Seguridade Social durante toda a xornada.

Interventores e Interventoras

  • Son as persoas que representan as candidaturas ante unha Mesa electoral.
  • Desempeñan a súa función só ante a Mesa na que están acreditadas.
  • Participan nas deliberacións da Mesa con voz pero sen voto.
  • Os interventores e as interventoras de cada candidatura que están acreditadas ante a Mesa poden substituírse entre si.
  • Poden formular reclamacións ou protestas e pedir certificacións.
  • Poden levar emblemas ou adhesivos do partido ao que representan sen que iso supoña propaganda electoral.
  • O voto dos interventores e as interventoras deberá facerse na Mesa ante a que están acreditadas cando a dita Mesa forme parte da circunscrición electoral na que lles corresponda votar en tódolos procesos electorais convocados, debendo en cambio facelo por correspondencia en todos eles se nalgún dos devanditos procesos non se dá esa circunstancia.

Apoderados e Apoderadas

  • Son as persoas representantes dun partido en tódolos actos e operacións electorais.
  • Poden acceder libremente a tódolos locais electorais, examinar o desenvolvemento da votación e o escrutinio, e formular queixas e reclamacións.
  • Poden levar emblemas ou adhesivos do partido ao que representan sen que iso supoña propaganda electoral.
  • Exercerán o seu dereito ao voto na Mesa na que se atopen censadas.

Representantes da Administración

  • Son as persoas designadas pola Administración para recoller a información relativa á apertura das Mesas, datos de participación e resultados electorais.
  • Esta información é transmitida ao organismo encargado de realizar o escrutinio provisional (Ministerio do Interior), para a súa difusión aos cidadáns e cidadás, unha vez totalizados os datos.
  • Ofrecen asistencia á Mesa electoral sempre con carácter auxiliar e non forman parte dela nin poden participar nas súas deliberacións.

Urnas

  • En cada Mesa electoral haberá unha urna para cada un dos procesos convocados.
  • As urnas deben estar identificadas; para iso fixarase un sobre da elección que corresponda na parte dianteira da urna, e outro na parte traseira.
  • As urnas deben estar pechadas e precintadas como garantía de que non poden ser manipuladas. En caso de rotura ou deterioro do precinto, a Presidencia da Mesa, se non puidese obter oportunamente outra urna da Xunta Electoral de Zona, asegurará o peche da urna con calquera medio ao seu alcance.

Manual das persoas que integran a Mesa

  • Coa notificación da designación como Presidente ou Presidenta e Vocal das Mesas entregarase un Manual de Instrucións para as persoas que integran as Mesas electorais, supervisado pola Xunta Electoral Central e aprobado por Acordo do Consello de Ministros e Ministras.

Lista do censo electoral da Mesa

  • Entre a documentación electoral, cada Mesa conta cunha lista das persoas censadas nela.
  • Contará ademais cunha lista das rúas da sección electoral á que pertence a Mesa, e o rango alfabético de iniciais do primeiro apelido dos electores e electoras que contén, para a súa exposición pública no local electoral.

Outra documentación electoral

  • Acta de constitución, actas de escrutinio, actas de sesión, lista numerada de votantes, recibo de entrega da documentación electoral, certificados de votación, talóns de interventores.

Cabina de votación e mesa auxiliar

A cabina deberá estar na mesma habitación na que se desenvolva a votación e nun lugar intermedio entre a entrada e a Mesa. No seu interior (nos estantes) e nunha mesa auxiliar que se situará preto dela, colocaranse as papeletas.

Sobres e papeletas electorais

  • Durante toda a xornada debe haber un número suficiente de sobres e de papeletas de tódalas candidaturas que se presentan.
  • A Presidencia deberá interromper a votación se advirte a ausencia de papeletas dalgunha candidatura, e renovala cando llas fornezan.

Electores e electoras

Son electores e electoras nas eleccións ao Parlamento Europeo tódalas persoas españolas maiores de idade inscritas no censo electoral (tanto residentes en España coma residentes no estranxeiro) e as persoas nacionais doutro país da Unión Europea que residan en España, e que estean empadroadas nun municipio español e manifesten a vontade de votar en España nas eleccións ao Parlamento Europeo.

Nas eleccións locais ademais destas persoas son electores e electoras os cidadáns e cidadás de países estranxeiros cos que se subscribiu convenio de reciprocidade, que estean empadroadas nun municipio español e manifesten a súa vontade de votar en España.

A identificación do elector e da electora ante a Mesa realízase mediante:

  • Documento Nacional de Identidade (DNI).
  • Pasaporte (con fotografía).
  • Permiso (carné) de conducir (con fotografía).
  • Tarxeta de residencia, no caso de cidadáns e cidadás da Unión Europea que a posúan.
  • Tarxeta de identidade, se se trata de persoas estranxeiras nacionais de países cos que España subscriba un tratado de reciprocidade para o recoñecemento do dereito de sufraxio nas eleccións locais.

Os devanditos documentos poden ser españois ou emitidos polo país de orixe, sempre que inclúan a fotografía da persoa titular. Non importa que estean caducados, pero deben ser os orixinais, non valen fotocopias.