O persoal dos buques da Armada, mariña mercante ou frota pesqueira de altura, abandeirados en España, que teña que permanecer embarcado dende a convocatoria das eleccións ata a súa celebración e que durante dito período toque portos, previamente coñecidos, no territorio nacional, poderá exercitar o seu dereito ao sufraxio da forma seguinte:
A través do servizo de radiotelegrafía, correo electrónico ou fax ou por calquera outro medio que poida habilitarse para estes efectos, poderase solicitar da Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral onde estea inscrito, o certificado de inscrición no censo.
Na mensaxe faranse constar os seguintes datos:
Nome e dous apelidos da persoa interesada.
Número do documento nacional de identidade ou número de tarxeta de estranxeiro.
Data, provincia e municipio de nacemento.
Concello de residencia no que figure no Censo Electoral.
Nome do buque no que a persoa se encontra embarcada.
Porto ou portos en que teña prevista a súa arribada o buque, con indicación das datas concretas en que esta se produza.
No caso de que poida recibir a documentación electoral por medio doutro buque, indicarase na radiomensaxe o armador, consignatario ou buque onde debe ser enviada. Para os efectos de solicitude do voto por correo, os servizos de radiotelegrafía dos buques terán a consideración de dependencias delegadas do Servizo de Correos e os Comandantes e Capitáns ou o Oficial no que expresamente deleguen a de persoal encargado da recepción da solicitude.
A Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral correspondente, unha vez comprobada a inscrición da persoa interesada, considerará a todos os efectos como recibida a solicitude e procederá a remitir a documentación pertinente ao porto ou, se for o caso, armador, consignatario ou buque do que xa designase o seu nome.
Recibida pola persoa interesada a documentación, procederá a remitir por correo certificado e urxente, desde calquera dos portos nos que o buque atraque, a documentación electoral, á Mesa electoral na que lle corresponda votar.
Para o exercicio do dereito do voto por correo do persoal das Forzas Armadas destacado fóra do territorio nacional, en operacións relacionadas coa seguridade e defensa de España e dos seus aliados, no marco de organizacións internacionais das que España forme parte, así como para contribuír ao mantemento da paz, a estabilidade e seguridade e apoiar a axuda humanitaria, desde a data da publicación da convocatoria e ata a súa celebración seguirá o seguinte procedemento:
O Comandante do buque ou responsable da Unidade remitirá a relación do persoal que desexa exercer o seu dereito de sufraxio á Dirección Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa, a través da Xefatura do Estado Maior da Defensa e das Xefaturas de Estado Maior dos Exércitos e da Armada.
Por cada solicitante farase constar:
Nome e dous apelidos.
Número do documento nacional de identidade.
Data, municipio e provincia de nacemento.
Concello de residencia no que figure no censo electoral
A Dirección Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa, a partir da data da publicación da convocatoria no boletín oficial correspondente e antes do décimo día anterior ao da votación, trasladará esta relación á Oficina do Censo Electoral que as remitirá ás súas correspondentes Delegacións Provinciais.
A Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral correspondente, unha vez comprobada a inscrición da persoa interesada, considerará para todos os efectos a solicitude como recibida e procederá a remitir a documentación correspondente á Dirección Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa para que, polo procedemento máis urxente posible, lla transmita.
A persoa que solicitou o voto procederá a exercer o seu dereito unha vez recibida a documentación á que fai referencia o punto anterior. Dos votos emitidos farase cargo quen exerza o mando do buque ou sexa responsable da Unidade, que os custodiará, garantindo a súa seguridade, integridade e secreto, ata que sexan recollidos pola persoa encargada do seu transporte a territorio nacional. A Dirección Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa fará chegar os votos recibidos á Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, antes do segundo día previo ao da celebración das eleccións, quen os remitirá con carácter urxente á Mesa electoral correspondente.
O persoal interno en Centros Penitenciarios que non estean privados do dereito de sufraxio, vota por correo segundo o seguinte procedemento:
Nos Centros Penitenciarios exporanse ante a poboación interna as normas electorais que regulamentan o voto por correo, e organizaranse sesións informativas de explicación e aclaración do procedemento de votación.
Para isto, a Dirección de cada Centro Penitenciario –ou a persoa a quen este delegue- solicitará nos tres primeiros días desde a publicación da convocatoria á Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos, S.A. que unha persoa deste servizo se desprace nunha data determinada ao Centro, cos impresos de solicitude de certificado para o voto por correo que puidesen ser necesarios para que, alí mesmo, sexan cubertos polo persoal interno que queira exercer o seu dereito ao voto.
Se algunha persoa carecer de DNI, bastará co Documento de Identidade Interior que teñen todos os internos e internas sempre e cando nel apareza a súa fotografía.
A Oficina do Censo Electoral deberá remitir ao Centro Penitenciario no que se atope, sobres e papeletas suficientes para cada proceso, que lle serán entregadas persoalmente pola persoa responsable de Correos.
Elixirá a papeleta correspondente para cada proceso, introduciraa no sobre de votación correspondente (ou non incluirá ningunha papeleta se o que desexa é votar en branco) e pecharao. Incluirá o sobre ou sobres de votación e o certificado de inscrición no censo no sobre dirixido á Mesa e pecharao.
O servizo de Correos fará chegar estes sobres ás correspondentes Mesas electorais o día da votación.
A Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral establece que a solicitude de voto por correo, no caso de non poder presentarse persoalmente por razón de enfermidade ou discapacidade (que se deberá acreditar por medio de certificación médica oficial e gratuíta), poderá ser realizada no seu nome por outra persoa autorizada, notarial ou consularmente, mediante documento que se expedirá individualmente en relación con cada persoa e sen que no mesmo se poidan incluír varios votantes, nin unha mesma persoa representar máis dun. A Xunta Electoral comprobará en cada caso a concorrencia de todas estas circunstancias.
Este servizo é totalmente gratuíto.
O notario ou notaria desprazarase ao domicilio do elector ou da electora, sexa un hospital, unha residencia de maiores ou o fogar dun familiar. Posteriormente, seguirase o mesmo procedemento que para o voto por correo ordinario. É dicir: a persoa que o representa ou apodera poderá ir –desde a convocatoria das eleccións e ata o día en que remate o prazo para solicitar o voto por correo desde España– presencialmente, co seu DNI e poder, a calquera Oficina de Correos e solicitar o impreso para votar por correo.
Os servizos de Correos remitirán toda a documentación á Oficina do Censo Electoral. Esta anota nas listas do censo que se solicitou votar por correo -así que a persoa que solicita o voto por correo xa non poderá votar presencialmente na Mesa electoral o día das eleccións- e remite á persoa que o representa ou apodera por correo certificado ao enderezo que indicase ou, no seu defecto, á persoa que figura no censo:
Por cada proceso electoral convocado, unha papeleta de cada unha das formacións políticas que se presente ás eleccións e un sobre de votación, no que se introducirá a papeleta correspondente, ou non incluirá ningunha papeleta se o que desexa é votar en branco.
O certificado de inscrición no censo electoral.
Un sobre no que figurará o enderezo da Mesa onde lle correspondería votar.
Unha folla explicativa.
Esta documentación tamén debe ser recollida persoalmente pola persoa que o apodera, previa acreditación da súa identidade. Se non estivese no seu domicilio, terá que ir persoalmente a recollela á Oficina de Correos correspondente.