Voto presencial

Cada elector ou electora recibirá da Oficina do Censo Electoral unha tarxeta censual cos datos actualizados da súa inscrición no censo electoral e da Sección e Mesa na que lles corresponde votar. A Oficina do Censo Electoral comunicará igualmente ás persoas afectadas as modificacións de Seccións, locais ou Mesas que puidesen producirse.

A votación comeza ás 9 horas do día 28 de maio, aínda que os locais están abertos antes para que se poidan presentar as persoas que constitúan as Mesas electorais e verifiquen que non hai problemas co material electoral (urnas, cabinas, soportes, sinais indicadores, sobres, papeletas, impresos…), acrediten a interventores e interventoras, apoderados e apoderadas, etc.

A votación remata ás 20 horas, momento no que a Presidencia da Mesa electoral anuncia o final da votación. Porén, se quedasen no local electoral, ou no acceso ao mesmo, persoas que aínda non votasen, a Mesa permitiralles votar e non permitirá que o faga ninguén máis.

Realízase con:

  • Documento Nacional de Identidade (DNI).
  • Pasaporte (con fotografía).
  • Permiso (carné) de conducir (con fotografía). Tamén válido a través da aplicación miDGT
  • Tarxeta de residencia, no caso de cidadáns e cidadás da Unión Europea que a posúan.
  • Tarxeta de identidade, se se trata de persoas estranxeiras nacionais de países cos que España asinase un tratado de reciprocidade para o recoñecemento do dereito de sufraxio nas eleccións Locais.

Estes documentos poden ser españois ou expedidos polo país de orixe, sempre que inclúan a fotografía da persoa titular. Non importa que estean caducados, pero deben ser orixinais, non valen fotocopias.

A votación comeza ás 9 horas, aínda que os locais están abertos antes para que se poidan presentar as persoas que constitúan as Mesas electorais, verifiquen que non hai problemas co material electoral, acrediten a interventores e interventoras, apoderados e apoderadas, etc.

Só se pode votar na Mesa electoral que corresponda a cada elector ou electora, salvo os interventores e interventoras que exercen o seu dereito de sufraxio na Mesa ante a que están acreditados se pertence á mesma circunscrición na que están inscritos.

Cada votante achegarase á Mesa e manifestará o seu nome e apelidos á Presidencia. Vocais e interventores e interventoras, comprobarán, a través das listas do censo, a súa identidade e o dereito a votar. Entregará pola súa propia man á Presidencia o sobre ou sobres de votación pechados, quen sen ocultalos en ningún momento á vista do público dirá en voz alta o nome e, engadindo “Vota”, entregaralle de novo o sobre ou sobres para que os introduza nas urnas que correspondan.

A votación remata ás 20 horas, momento no que a Mesa anuncia o final da votación. Non obstante, se aínda queda alguén dentro do local, a Mesa permitiralle votar.

A Administración do Estado ou, no seu caso, a das Comunidades Autónomas que teñan atribuídas competencias en materia laboral, previo acordo cos Delegados e Delegadas do Goberno respecto ao persoal que traballa por conta allea, e as Administracións públicas respecto ao seu persoal, adoptarán as medidas precisas para que as persoas que presten os seus servizos o día das eleccións poidan dispoñer no seu horario laboral de ata catro horas libres para o exercicio do dereito do voto, que serán retribuídas. Cando o traballo se preste en xornada reducida, efectuarase a correspondente redución proporcional do permiso.

En caso de persoas que por estaren a realizar funcións lonxe do domicilio habitual ou noutras condicións das que se deriven dificultades para exercer o dereito de sufraxio o día das eleccións, as medidas precisas a adoptar irán encamiñadas a que estas persoas poidan votar por correo e conten para iso co permiso de ata catro horas libres para poder solicitalo seguindo o procedemento establecido no artigo 72 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral.

As papeletas para estes procesos deberán conter a denominación, sigla e símbolo do partido, federación, coalición ou agrupación de electores que presente candidatura. Ademais, deben incluír a listaxe completa de nomes e apelidos dos candidatos e candidatas e, se é o caso, dos suplentes que integran a candidatura.

A cor das papeletas e sobres de cada elección será o seguinte:

  • Eleccións Municipais: cor branca.
  • Eleccións Autonómicas: cor sepia, agás cando a Comunidade Autónoma teña prevista outra cor.
  • Eleccións a Cabidos Insulares, cor verde claro.

Onde houber eleccións a Entidades Locais de Ámbito Territorial Inferior ao Concello, as papeletas e sobres para elección serán de cor verde clara.

Para as eleccións a Consellos Insulares de Mallorca, Menorca e Eivissa, a cor das papeletas e sobres será gris.