As Mesas electorais forman parte da Administración Electoral, xunto coas Xuntas Electorais.
Á Mesa Electoral correspóndelle presidir o acto da votación, controlar o desenvolvemento da votación e realizar o reconto e o escrutinio.
A Mesa electoral está integrada por un Presidente ou Presidenta e dous vogais.
O nomeamento dos integrantes da Mesa electoral é competencia de cada Concello, e son elixidos polo Pleno Municipal mediante sorteo público utilizando calquera procedemento aleatorio ou mecanismo ao azar. Non hai obxección para que o referido sorteo poida realizarse ante a Xunta de Goberno Local, no caso de que o Pleno do Concello teña delegado nela esa competencia, sempre que se leve a cabo nunha sesión pública.
Este sorteo realízase entre a totalidade de persoas censadas na Sección que teñan menos de 70 anos e saiban ler e escribir, aínda que a partir dos sesenta e cinco anos de idade se poderá manifestar a renuncia no prazo de sete días. Quedarán excluídos os que alcancen a maioría de idade no prazo comprendido entre a formación das listas de electores e a votación.
O Presidente ou Presidenta deberá ter o título de Bacharelato ou o de Formación Profesional de segundo grao ou, subsidiariamente, o do Graduado Escolar ou equivalente.
Designaranse dous suplentes por cada persoa que integra a Mesa electoral (dous por cada un dos vogais, e outros dous suplentes para o Presidente ou Presidenta da Mesa).
Para as eleccións do 28 de maio de 2023, os sorteos realízanse entre o 29 de abril e o 3 de maio de 2023. Aos designados polo Pleno Municipal notifícaselles a súa condición de persoa que integra a Mesa durante os tres días seguintes ao sorteo, é dicir, entre o 29 de abril e o 3 de maio, aínda que se se produce máis tarde, a demora non será causa que invalide a designación.
Xunto coa notificación proporcionaráselles un Manual de Instruccións para as persoas que integran as Mesas electorais.
A designación como persoa para formar parte da Mesa para un proceso electoral non supón a continuidade da designación para o seguinte, aínda que nada impide que, en virtude do sorteo, se poida ser designado en procesos consecutivos.